martes, 31 de mayo de 2011

Queixería Castelo: perspectivas de futuro

Espérase que nun futuro non moi afastado o proxecto de creación do parque empresarial de Pedrafita do Cebreiro vote a andar de novo. Ademais da creación de novas instalacións para a queixería Castelo, permitiría aproveitar o tirón do Camiño de Santiago e a excelente comunicación viaria do concello mediante a localización de outras empresas. Isto dinamizaría o concello, favorecería o asentamento da poboación e dos negocios da zona, e crearía emprego.
O proceso de mellora continua que caracteriza á queixería Castelo seguirá sendo a motivación principal de cara ao futuro. Ao mesmo tempo continuará a indagar sobre as orixes do queixo máis alá do século VXIII, en colaboración con historiadores, con etnógrafos e co Consello Regulador. Esta é unha motivación de carácter persoal de Xesús Pérez, que pretende rescatar a historia e a tradición dun produto singular, xa que é consciente de que a tradición é unha vía de diferenciación do produto nos mercados.
A nivel xeral, os horizontes que se presentan para o queixo do Cebreiro son favorables xa que, en 2011, hai previsión de dobrar a cantidade producida nos anos anteriores grazas á aparición das novas queixerías. Tamén se prevé que esta tendencia de creación de queixería continúe e que, co paso do tempo, se logre crear unha industria similar a existente en Arzúa. A este respecto dicir que están en marcha varios proxectos para apertura de novas queixerías.
O futuro tamén se debería encamiñar, na miña opinión, cara o desenvolvemento de novas canles de comercialización e distribución aproveitando as novas tecnoloxías, así como cara a cooperación entre as queixerías da Denominación de Orixe e con outras queixerías galegas máis grandes e experimentadas (dinámica que xa aplica a queixería Marqués de Cernadas) para crear sinerxías, abrir mercados e reducir custos. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario