viernes, 27 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Ámbito xeográfico

A zona de produción dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida “Cebreiro” está constituída pola área xeográfica que abarca os seguintes municipios da zona oriental da provincia de Lugo: Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Castroverde, Folgoso do Courel, Baleira, A Fonsagrada, Láncara, Samos e Triacastela.
A extensión abarcada pola D. O. está posta en entredito, tanto por parte das administracións locais como por algúns produtores, debido a que se teñen en conta concellos fora da alta montaña. Esta diferenza de altitude entre concellos implica unha climatoloxía distinta ao igual que unha especialización gandeira distinta e ambos factores inciden de forma moi importante no produto final en canto ás súas características organolépticas, concretamente existe unha diferenza evidente no sabor.
Álzanse algunhas voces a favor de restrinxir o ámbito xeográfico e tamén as razas vacúns consideradas para a obtención de leite. Ante esta petición pode parecer que o que preocupa a estes axentes son os localismos e, en parte, é certo; sen embargo, o feito de que existan importantes diferenzas facilmente observables nun mesmo produto protexido por un mesmo Consello Regulador, leva a que se desvirtúe o produto en si xa que dificulta a súa identificación por parte do consumidor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario