lunes, 9 de mayo de 2011

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como cidade-xardín

De vez en cando hai que retomar os idearios pasados para buscar “novas ideas” e “novas solucións” aos problemas de sempre como poder ser, neste caso, a visión dunha rexión organizada a través de cidades en rede perfectamente integradas co mundo rural. Ilustres galegos como Castelao, Otero Pedrayo ou Cunqueiro xa tiñan en mente unha Galicia como cidade aberta, natural, polinuclear e descentralizada… e esta idea hoxe en día podería estar máis preto se empregamos as TIC como estratexia.
En síntese, esta idea consistiría en crear un modelo de desenvolvemento territorial desconcentrado, formado por asentamentos de mediano tamaño, onde se o campo e a cidade se integren e complementen. A idea sería modernizar o concepto clásico de cidade-xardín creando unha rede polifuncional, ben comunicada que aprobeite os fluxos de información a través das TIC, para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este modelo de desenvolvemento pasa por aproveitar o noso feito cultural común fronte ao exterior, facendo valer a riqueza do noso sistema de asentamentos e a nosa singular forma de habitar o territorio; de forma que convertamos o que hoxe vemos como un problema nunha oportunidade de futuro. Acaso é negativa a dispersión dos nosos asentamentos? E o minifundio? E o sentimentalismo rural? Penso que deixar a maior parte do territorio como un territorio abandonado non é lóxico nin dende o punto de vista económico nin social. O desenvolvemento de Galicia pasa por aplicar novos modelos de desenvolvemento rural-urbano e modernización ecolóxica que impulsen a diversificación socioeconómica do campo, respecten o medio ambiente e fixen poboación nestes espazos rurais incrementando así o benestar social. É dicir, en última instancia, preténdese convencer á poboación de que vivir no rural é igual ou mellor que vivir na cidade, que as oportunidades existen, tan só hai que buscalas e loitar polo que desexas.

Referencia bibliográfica: FERRÁS SEXTO, C. (2006): "Un ideario de cidade policéntrica ubicada nun grande xardín. O caso da eurorexión Galicia-Norte de Portugal", Revista de Estudos Euro Rexionais, nº1, Ano 1º, páx. 27-38.     

1 comentario:

  1. A imaxe mental que se fai na miña cabeza ó ler isto é moi bonita, pero moito me temo que estamos a falar dun imposible. A realidade non vive de florituras... existen demasiados inconvenientes como para que algo así se poida acadar... comezando polo feito de que se está a falar dunha rexión transfronteiriza rexida por sistemas de goberno diferentes e acabando polo feito de que hoxe en día, por desgraza, o rural proporciona moi poucos incentivos para que a xente fique nel.

    ResponderEliminar