miércoles, 30 de marzo de 2011

O uso das TIC a nivel rexional en 2010

A pesar de que todos coñecemos a realidade (ou iso creo) nunca está demais recollela a traves de datos e imaxes. 
Baseándome nas enquisas do INE (Encuesta de uso de TIC y Comercio Electrónico en las Empresas 2009/2010 - Encuesta sobre Equipamiento y Uso de Tecnologías de la Información y Comunicación en los hogares 2010) elaborei unha serie de mapas para que todos poidamos visualizar a situación actual. 
Figura 1: Acceso a Internet das vivendas principais con equipamiento de ordenador (%)
Como se pode observar Galicia, xunto con Extremadura e Murcia, está no escalón máis baixo de acceso á rede, de feito somos os primeiros empezando pola cola (76.3%). E isto considerando só aquelas vivendas nas que, a lo menos, hai un membro entre 16 e 74 anos. Se considerásemos o total de vivendas principais o resultado sería significativamente máis baixo. Como revertimos esta situación? 
A nivel empresarial, en España en xeral e en Galicia en particular, o tecido empresarial está dominado polas PEMES e dentro destas, a nivel galego, aquelas de menos de 10 traballadores representan entorno ao 95% das empresas galegas (IGE).
Figura 2: Empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de ordenador (%)
Como se ve no mapa, Galicia xunto con Extremadura, teñen a menor proporción de empresas de menos de 10 empregados que dispoñan de ordenador (preto da metade non o teñen). Este feito, a parte impedir o aproveitamento das vantaxes das TIC (comunicación, comercio elctrónico, trámites administrativos, etc.) tamén dificultan a xestión eficiente da empresa (facturación, control de pedidos, de stocks, ect.)... Como é de agargar, as cifras de acceso a internet deste tipo de empresas son aínda máis baixas...
Figura 3: Empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de acceso a internet (%) 
Galicia é unha das CCAA menos dinámicas en termos económicos de España, pero como nos imos desenvolver se a grande maioría das nosas empresas están "desconectadas"? como pretende a administración que as nosas empresas sexan competitivas e se integren nos mercados globais se están "desconectadas"?

sábado, 26 de marzo de 2011

O exemplo de Brión

Mediante a creación de www.infobrion.com e empregando o GIS-T, Brión serve como exemplo de que o mundo rural pode superar as barreiras físicas que dificultan o seu desenvolvemento. A iniciativa consistiu en promover a implicación de todos os axentes socioeconómicos da zona de forma que eran eles os que creaban os contidos das redes virtuais (ensino, e-mercado, tradición, etc.). En base a isto cartografiouse a presenza das TIC, identificando aquelas áreas menos integradas na sociedade da información e máis necesitadas de programas de intervención social e alfabetización dixital. Esta tarefa é de vital importancia para un adecuado direccionamento das iniciativas públicas e privadas. 
Pero e esta iniciativa reproducible noutras zonas rurais de Galicia? e na alta montaña? Non hai que esquecer que Brión é un cocello semi-rural (poboación dormitorio), moi próximo a Santiago, cunha orografía amable e cunha estrutura demográfica das menos avellentadas de Galicia... cando estas circunstancias cambian o custo de implementar iniciativas desta índole medran de forma exponencial...
Unha lección que si se saca desta iniciativa, aplicable en calquer espacio, é que trala saída da USC do proxecto pasou a ser xestinado polo concello, o cal politizou o proxecto, restrinxiu a información e eliminou o foro social... Cal é a lección? Quen debería xestionar o proxecto? Na miña opinión calquer tipo de institución civil ou educativa, pero nunca unha institución política.
Referencias bibliográficas:
FERRÁS, C. (2008): "GIS Application for the Alphabetization in Rural Areas: A Case in Galicia-Spain". The International Journal of Technology, Knowlege & Society, vol. 4, nº 1, pp 185-195.
FERRÁS, C.; MACÍA, X. C.; ARMAS, F. X.; GARCÍA, Y. (2009): "Alfabetización digital en comunidades marginadas a partir de un SIG. Estudio de caso en Galicia". Anales de Geografía, vol. 29, nº 1, pp 221-232. Enlace:

viernes, 25 de marzo de 2011

O desenvolvemento local, a debate en Vimianzo

O Congreso "Marco de oportunidades para o desenvolvemento local" é unha iniciativa da Asociación Finisterrae de Profesionais do Desenvolvemento Local (Afiprodel) concebida como un marco de encontro e de intercambio de ideas de cara a acadar os obxectivos europeos para o ano 2020, mellorar a formación dos traballadores do sector e converterse no escaparate de iniciativas que incentiven a cooperación e a innovación entre o sector público e o privado.
Enlace á noticia:

Presentación do caso de estudo

Neste apartado vanse realizar entradas acerca dunha iniciativa empresarial, Queixería Castelo, para tratar de vinculala co desenvolvemento económico local do Concello de Pedrafita do Cebreiro. Este pequeno estudo vaise titular: “Queixería Castelo: Unha iniciativa de desenvolvemento local baseada na tradición rural”.
Para a súa elaboración acudirase ás fontes primarias e a documentos oficiais (D. O. Queixo do Cebreiro), académicos e de prensa. Os aspectos a ter en conta da información recopiada para determinar a endoxeneidade e o papel no desenvolvemento local desta iniciativa serán de carácter histórico, etnográfico, territorial, económico, político e social.
A parte das entradas que vaia realizando no Blog, teredes a posibilidade de acceder ao meu Skydrive (mediante un enlace que vos comunicarei en breve) onde poderedes atopar o estudo completo que estou a realizar, as referencias bibliográficas e demais fontes de información empregadas.
Agardo con moito interese as vosas suxerencias, comentarios e opinións.

miércoles, 23 de marzo de 2011

A Unión Europea apoiará ao proxecto Silvaplus, un plan enerxético galaicoportugués da biomasa

A Unión Europea aportará 565000€ en dous anos a donos de montes e empresas nos dous países co fin de aproveitar un recurso autóctono como é a biomasa forestal. O proxecto baséase no principio de sustentabilidade, de redución do risco de incendios e no aumento da redibilidade dos montes transfronteirizos.
Sempre é unha boa noticia a aposta pola produción de enerxías renovables como a biomasa, tanto dende o punto de vista ambiental como da sustentabilidade do sistema socioeconómico e, neste senso, Galicia e o Norte de Portugal son, a priori, grandes potencias. Pero, este proxecto vai favorecer realmente aos propietarios dos montes ou, pola contra, van ser as empresas concesionarias as grandes beneficiadas??? Os antecedentes no ámbito da enerxía eólica non son moi positivos: os propietarios reciben unha ínfima parte da rendibilidade total e as promesas de reinvestimento de beneficios no ámbito local, na súa grande maioría, non están a ser cumpridos. 
Enlace á noticia:

jueves, 17 de marzo de 2011

O MARM analiza coa Xunta de Galicia a execución das actuacións de infraestruturas rurais

Asegurouse dende o Ministerio que os investimentos en curso ou comprometidos pola Administración en Galicia, correspondente á Dirección Xeral para o Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, serán executados e alcanzan a cifra de 461.854.454 euros.
Enlace:

Galicia terá 170 millóns de euros para o desenvolvemento rural

Galicia disporá de 170 millóns de euros, financiados a partes iguais entre Xunta de Galicia e Gobierno estatal, para o desenvolvemento rural en doce áreas dese ámbito, segundo anunciou o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez.
Enlace:

sábado, 12 de marzo de 2011

As novas tecnoloxías da información, anxos ou demos?

Coa aparición das novas tecnoloxías en xeral, e de Internet en particular, apareceron tamén augurios dramáticos sobre os seus efectos (eran demos); pola contra, na actualidade véndense como a solución á gran maioría dos problemas socioeconómicos (son anxos). Pero as cousas non son nin brancas nin negras, as TIC non van destruír o mundo pero tampouco son a panacea, non son boas nin malas por si soas...é o uso que delas faga a sociedade o que trae e traerá consecuencias (positivas ou negativas).
Dende o punto de vista social existe unha gran polémica e dificilmente se chegará a un consenso xa que para uns son unha fonte de aillamento e sedentarismo que pode culminar nun proceso depresivo e, para outros tan só son unha ferramenta optimizadora dun recurso escaso (o tempo) que premite manter as pautas de comportamento fisicamente adquiridas dunha forma virtual.
Dende o punto de vista do desenvolvemento económico as TIC teñen un potencial enorme: acceso a mercados máis amplos, maior fluxo de información, maior difusión da innovación, mellora da calidade educativa, mellora da competitividade, maior flexibilidade laboral ("oficinas portátiles"), etc. Pero o aproveitamento destas vantaxes está condicionado por múltples factores: as desigualdades económicas tadúcense nas posibilidades de acceso ás TIC, que se concentra nas rexións desenvolvidas xa que teñen unha maior dotación de infraestruturas TIC e maior nivel de educación, factor clave para a súa correcta absorción e o seu aproveitamento; o acelerado proceso de implantación das TIC tamén acelera a velocidade de "desconexión" co consecuente peligro de que medre a "fenda dixital", etc. 
Se a o feito de ser unha rexión periférica que se enfronta cos inconvenientes mencionados, lle engades problemas como o despoboamento, o avellentamento da poboación, a dispersión dos asentamentos e, por suposto, engades a restricción orzamentaria... todo xoga en contra... pero eu creo que PODEMOS!!!! 
M. Castells: La Sociedad en Red (discurso):

viernes, 11 de marzo de 2011

O BBVA di que Galicia está á cola do desenvolvemento económico

O pronóstico de crecemento para este ano realizado polo servizo de estudos do BBVA, sitúa a Galicia por debaixo do 0.6% e rebaixa á metade as previsións da Xunta de Galicia, que o sitúa nun 1%. A economía galega lastrará o crecemento do PIB de España durante este ano e o próximo porque se situará á cola do desenvolvemento no conxunto das autonomías durante o bienio.
Non me vou a meter agora mesmo na discusión de qué posición ocupa Galicia a nivel español en canto a desenvolvemento económico. O que me interesa resaltar neste caso é que se ledes esta noticia, en todo momento se mide o desenvolvemento económico a través do crecemento do PIB...outra vez estamos a confundir conceptos (inxenua ou intencionadamente)!!!!!
Enlace á noticia:

Sociedades de Fomento Forestal

A Xunta de Galicia impulsa a creación de sociedades de fomento forestal (SOFOR) para frear o abandono dos montes galegos, superar o minifundismo, reducir o risco de incendios e rendibilizar o monte.
Eu preguntome se será unha medida minimamente efectiva ou un fracaso como o Banco de Terras.

viernes, 4 de marzo de 2011

Contidos do Blog

Hola a tod@s de novo.
Esta entrada no blog ten como obxectivo explicar un pouco os contidos que paulatinamente se irán incorporando.
Como se trata dunha actividade académica, as entradas terán relación co seguinte:
  • Comentarios persoais acerca dos artigos proporcionados en clase, dos cales, sempre que sexa posible, vos proporcionarei o link; senón son accesibles gratuitamente online proporcionarei a referencia bibliográfica.
  • Entradas acerca dun proxecto de investigación que analice o impacto dunha empresa sobre o desenvolvemento local dun determinado territorio. Todos aqueles que me coñecedes ben xa adiviñariades que o terriotorio escollido é o meu concello, Pedrafita do Cebreiro, e a empresa, neste caso, vai ser a Queixería Castelo.
Pero o tema do desenvolvemento local tamén é un interese e unha motivación persoal, polo que ademais do anterior, sempre que me sexa posible, intentarei incorporar entradas ou documentos que me parezan relevantes e coherentes coa temática do blog.
E para todos aqueles que non coñecedes a miña terra tendes á vosa disposición unha serie de enlaces que vos poden ser de interese. E, por suposto, invítovos a coñecela...  

Presentación do Blog

Este blog nace como unha actividade circunscrita no POP de Desenvolvemento Rexional e Integración Económica da USC. O seu obxectivo é achegar información, crear debate e facer reflexionar a todo aquel que teña interese no proceso de desenvolvemento rexional en xeral, e rural en particular. Tamén se tratarán de ver as potencialidades e limitacións das novas tecnoloxías como fonte precursora dos procesos de desenvolvemento.  
A este respecto cabe sinalar que é frecuente cometer o erro de empregar como sinónimos os conceptos de crecemento económico e de desenvolvemento económico. É certo que para acadar o desenvolvemento é preciso ter crecemento económico, pero o desenvolvemento é un concepto máis amplo xa que unha das variables fundamentais que ten en conta é a mellora do benestar social: distribución da renda, calidade educativa, servizos sociais, etc. Isto último é o que a nós nos interesa.