martes, 28 de junio de 2011

226311€ para a mellora do Camiño Natural da Ribeira Sacra

O Camiño Natural da Ribeira Sacra percorre unha comarca de alto valor paisaxístico cunha rica biodiversidade, que ademais conta cun importante patrimonio cultural de carácter relixioso, no que se poden visitar 18 mosteiros.

Os traballos financiados consistiron principalmente na limpeza da senda, o acondicionamento da traza, a mellora do desaugüe, a reposición de cerramentos e a colocación de nova sinalización informativa. Unha vez finalizadas as obras de mellora e mantemento realizadas no seu percorrido, o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, puxo de novo en servizo o Camiño Natural da Ribeira Sacra, un conxunto de rutas de 41 kilómetros que percorre a comarca dese mesmo nome entre as provincias de Ourense e Lugo.  
Enlace á noticia:

viernes, 24 de junio de 2011

A invisibilidade da muller no rural

Nas últimas tres décadas, produciuse un incremento significativo da participación da muller no mercado laboral. Non obstante, falar de maior participación laboral da muller no medio rural require certas matizacións. A muller rural, ademais de ama de casa, foi sempre unha traballadora máis na explotación familiar, sen soldo nin prestacións sociais, pero intimamente ligada ao mercado de trabalo agrícola.
Os resultados de diversos estudos sobre os efectos do emprego feminino no benestar económico dos fogares,  mostran a significativa contribución do salario feminino ao conxunto do fogar, contribución que se incrementa de forma especial nos fogares de menores ingresos, o que confirma a importancia do emprego da muller para equilibrar as rendas das familias rurais. 
Gráfico: Contribución media da muller traballadora segundo ingreso do fogar
Tamén se mostra que este traballo que, a pesar da aparentemente indiscutible contribución ao benestar familiar destas mulleres, o seu emprego tende a ser altamente vulnerable/precario, con alto grao de estacionalidade e sen cotizacións á Seguridade Social, coas evidentes implicacións sobre o risco de exclusión social e incerteza respecto aos ingresos futuros.
Referencia bibliográfica: VERA-TOSCANO, E.; MOYANO, E. (2009): "Empleo femenino y bienestar económico en el medio rural". IESA-CSIC. Enlace ao artigo:

martes, 14 de junio de 2011

A Xunta de Galicia permitirá a instalación de piscifactorías na Rede Natura

No borrador do plan director da Rede Natura, a Consellería do Medio Rural veta ás canteras, aos parques eólicos e ás centrais hidroeléctricas, pero da luz verde á súa repotenciación. Pola contra, as instalacións agropecuarias, ata agora prohibidas, poderán instalarse en determinadas áreas sensibles da Rede Natura 2000.
Se o documento sae adiante, nas áreas da Rede Natura calificadas como de "conservación" e "uso xeral" poderán levantarse instalacións gandeiras e agrícolas, gasolineiras, infraestruturas viarias e, incluso, vivendas... algo que ata o de agora non era posible. E o que aínda é máis irritante, nas áreas calificadas como de "máxima protección" poderán construirse macropiscifactorías!!!!!!
Este plan director aínda é un borrador, estamos a tempo de paralo e loitar pola conservación real do noso medio ambiente...

Enlace á noticia: 

sábado, 11 de junio de 2011

A invisibilidade da muller no rural: algúns datos

Os datos que se mostran a continuación están extraídos dunha investigación do IESA-CSIC a partir de entrevistas a 2387 mulleres, de 16 a 59 años, de 264 poblacións incluidas nos programas europeos Leader e Proder.
- O 28,4% das mulleres do ámbito rural que desenvolve algunha actividade laboral non cotiza á Seguridade Social. Isto sube ao 40,2% nas que se dedican ao traballo doméstico e ao 23,1% nas traballadoras temporais.
- As mulleres rurais reciben un promedio de 801 euros mensuais.
- O grao de satisfación da muller rural coas súas ocupacións é dun 3,76 sobre 5, pero o 47,3% desexaría cambiar de traballo.
- O 69,6% das mulleres rurais xamais saiu do seu pobo para traballar.
- Un 16,2% das que se casan abandoan o mercado de traballo (a cifra baixa ao 5% no caso de empresarias).
- Co primeiro fillo deixa o emprego o 31,3% (un 14,6% se son empresarias).
- O 89,8%, sexa a que sexa a súa ocupación, responde que traballa moito nas tarefas domésticas.
- En, a lo menos o 65% dos casos, o traballo doméstico realízano únicamente as mulleres do fogar. Salvo as compras.
- Dúas de cada cinco mulleres coidan de fillos ou dependentes sen corresponsabilidade ou axuda.
- Un 27% das mulleres non sabe canto diñeiro entra na súa casa.
- El 66% está casada, mentres o 30% está solteira e só un 2,5%, divorciada.

martes, 31 de mayo de 2011

A modo de conclusión


1. A Queixería Castelo foi a pioneira e a que deu exemplo de que é posible vivir e traballar no rural, valorizando o produto da terra. Isto abriu o camiño e o mercado para que aparecesen novos artesáns e novas queixerías na área xeográfica da Denominación de Orixe. Ademais, posibilita que explotacións gandeiras da zona obteñan ingresos complementarios e poidan manter a súa actividade, xa que a produción desta queixería faise exclusivamente con leite mercado na bisbarra.
2. O distintivo de calidade da Denominación de Orixe proporciona un valor engadido, unha marca, unha vinculación co territorio e ca tradición local; que actúa como dinamizadora da actividade socioeconómica e coloca a semente dun proceso de desenvolvemento local endóxeno.
3. Quizais a nota non tan positiva veña do lado da produción artesanal. a diferenza do ocorrido, por exemplo, co queixo de San Simón, para o queixo do Cebreiro non se estableceu ningún límite de tempo máximo ou de transición dende a actividade artesanal á actividade semi – industrial. Esta flexibilidade non incentiva aos artesáns para dar o salto cara o mundo empresarial e, a longo prazo, limita a capacidade de dinamización local que posúe esta actividade xa que dificulta que naza unha industria queixeira local - comarcal. Ademais, o feito de acollerse a unha regulación distinta e flexible pode verse como un prexuízo para os empresarios queixeiros xa que compiten en desigualdade de condicións (requerimentos sanitarios, fiscais, etc.)

Para máis información premer no enlace seguinte:


Subvencións ao turismo rural en Galicia (2011)

A Consellería de Cultura e Turismo convoca unhas axudas para a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico, mediante a subvención a entidades privadas para a creación de aldeas de turismo rural, a mellora de establecementos existentes de turismo rural, e a creación ou mellora da oferta complementaria nos establecementos de turismo rural existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Está moi ben iso de adecuar as infraestruturas turísticas ás esixencias dos consumidores, pero non sería máis beneficiosos a medio e longo prazo apostar pola diversificación? O documento céntrase excesivamente en establecementos de aloxamento e restauración... parece que a administración aínda non se deu conta de que os clientes queren entreterse, coñercer o entorno natural e cultural... non se trata só de comer e durmir!!!
A norma pode consultarse na Orde do 23 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos. Enlace á publicación do DOG:

Queixería Castelo: perspectivas de futuro

Espérase que nun futuro non moi afastado o proxecto de creación do parque empresarial de Pedrafita do Cebreiro vote a andar de novo. Ademais da creación de novas instalacións para a queixería Castelo, permitiría aproveitar o tirón do Camiño de Santiago e a excelente comunicación viaria do concello mediante a localización de outras empresas. Isto dinamizaría o concello, favorecería o asentamento da poboación e dos negocios da zona, e crearía emprego.
O proceso de mellora continua que caracteriza á queixería Castelo seguirá sendo a motivación principal de cara ao futuro. Ao mesmo tempo continuará a indagar sobre as orixes do queixo máis alá do século VXIII, en colaboración con historiadores, con etnógrafos e co Consello Regulador. Esta é unha motivación de carácter persoal de Xesús Pérez, que pretende rescatar a historia e a tradición dun produto singular, xa que é consciente de que a tradición é unha vía de diferenciación do produto nos mercados.
A nivel xeral, os horizontes que se presentan para o queixo do Cebreiro son favorables xa que, en 2011, hai previsión de dobrar a cantidade producida nos anos anteriores grazas á aparición das novas queixerías. Tamén se prevé que esta tendencia de creación de queixería continúe e que, co paso do tempo, se logre crear unha industria similar a existente en Arzúa. A este respecto dicir que están en marcha varios proxectos para apertura de novas queixerías.
O futuro tamén se debería encamiñar, na miña opinión, cara o desenvolvemento de novas canles de comercialización e distribución aproveitando as novas tecnoloxías, así como cara a cooperación entre as queixerías da Denominación de Orixe e con outras queixerías galegas máis grandes e experimentadas (dinámica que xa aplica a queixería Marqués de Cernadas) para crear sinerxías, abrir mercados e reducir custos.