sábado, 12 de marzo de 2011

As novas tecnoloxías da información, anxos ou demos?

Coa aparición das novas tecnoloxías en xeral, e de Internet en particular, apareceron tamén augurios dramáticos sobre os seus efectos (eran demos); pola contra, na actualidade véndense como a solución á gran maioría dos problemas socioeconómicos (son anxos). Pero as cousas non son nin brancas nin negras, as TIC non van destruír o mundo pero tampouco son a panacea, non son boas nin malas por si soas...é o uso que delas faga a sociedade o que trae e traerá consecuencias (positivas ou negativas).
Dende o punto de vista social existe unha gran polémica e dificilmente se chegará a un consenso xa que para uns son unha fonte de aillamento e sedentarismo que pode culminar nun proceso depresivo e, para outros tan só son unha ferramenta optimizadora dun recurso escaso (o tempo) que premite manter as pautas de comportamento fisicamente adquiridas dunha forma virtual.
Dende o punto de vista do desenvolvemento económico as TIC teñen un potencial enorme: acceso a mercados máis amplos, maior fluxo de información, maior difusión da innovación, mellora da calidade educativa, mellora da competitividade, maior flexibilidade laboral ("oficinas portátiles"), etc. Pero o aproveitamento destas vantaxes está condicionado por múltples factores: as desigualdades económicas tadúcense nas posibilidades de acceso ás TIC, que se concentra nas rexións desenvolvidas xa que teñen unha maior dotación de infraestruturas TIC e maior nivel de educación, factor clave para a súa correcta absorción e o seu aproveitamento; o acelerado proceso de implantación das TIC tamén acelera a velocidade de "desconexión" co consecuente peligro de que medre a "fenda dixital", etc. 
Se a o feito de ser unha rexión periférica que se enfronta cos inconvenientes mencionados, lle engades problemas como o despoboamento, o avellentamento da poboación, a dispersión dos asentamentos e, por suposto, engades a restricción orzamentaria... todo xoga en contra... pero eu creo que PODEMOS!!!! 
M. Castells: La Sociedad en Red (discurso):

3 comentarios:

  1. Eu non etiquetaría as TIC nin como anxos nin como demos.E máis, penso q na actualidade son unha parte esencial das novas pautas de producción. Vivimos nun mundo globalizado e onde o consumo de masas é abundante. As novas tecnoloxías permiten, por exemplo, que a producción se poida adaptar ó consumidor, que se produzca según ventas,que se flexibilice a demanda e que exista unha maior competencia. É certo que pode acarrear desigualdades porque non todos teñen as posibilidades de acceder a elas, pero temos que ter en conta que o que cambia é o sistema e o mellor agora non importa tanto ter recursos como si pode ser importante a capacidade de crear ambientes innovadores.

    ResponderEliminar
  2. Se se trata de situarse, eu creo na bondade das TIC. Á fin e ao cabo, eu entendo que cumpren unha función moi determinada, que é a que lles dá nome: son ferramentas de información e comunicación. E ninguén pode negar que o seu desenvolvemento está a propiciar unha nova era na que cada vez temos máis sinxelo acceder a estes dous bens (até agora escasos?). É discutible que fomenten illamento e sedentarismo. E máis agora que se pode acceder a elas en calquera lugar e por medios moi diversos. Ademais, permiten que a nosa rede de contactos sexa moito máis ampla que outrora, polo que estamos menos que nunca nunha illa. Tampouco son a panacea, como ben dis, pero as sinerxías que xeran son enormes. Por non dicir que revolucionaron xa a forma en que moita xente accede á información. Como vedes vós o da "infoxicación"?
    Doutra banda, eu creo, con todo, que o desenvolvemento do TIC está a facilitar máis unha redución, que unha ampliación, da fenda dixital. Precisamente a aparición de novas tecnoloxías, como Wimax ou a fibra óptica, está a levar internet aos lugares máis recónditos da nosa orografía e conectando ao mundo a moitos pobos. A campaña "Pobo Conectado" de a3n fixo fincapé precisamente nisto. Ademais con SO cada vez máis sinxelos, como algunhas distros de linux, a idade está a deixar xa de ser un problema. Eu, polo menos, contemplo esperanzado como as redes de internet técense polas nosas pequenas e envellecidas poboacións. Son o único que o ve así?

    ResponderEliminar
  3. Estou dacordo en que a potencialidade das TIC, tanto a nivel económico como social, é inconmensurable; e Galicia pode e debe sacarlles partido. Son da firme opinión de que un dos principais determinantes do éxito é crer nun mesmo, e iso é precisamente o que debe facer Galica e todos os galegos.
    Respecto ao da "infoxicación" dicir que todo nesta vida ten inconvenientes pero ten solución. O cada vez maior exceso de información e o maior déficit de tempo complica de forma considerable os procesos de busca e implica a necesidade de desenvolver capacidades específicas como a de filtrado. Neste senso habería que loitar por: 1)unha información de calidade, e 2)un sistema de ensino que potencie e proporcione as citadas capacidades.

    ResponderEliminar