lunes, 30 de mayo de 2011

Queixería Castelo: limitacións

A queixería Castelo xa fai varios anos que acadou a máxima capacidade de produción das súas instalacións. Hoxe en día enfróntase a unha limitación da capacidade produtiva debido á insuficiencia de infraestruturas no concello para crear novas instalacións. A paralización do parque empresarial foi un caldeiro de auga fría para este empresario que xa tiña a vista posta nunha parcela para ampliar instalacións e crear novos postos de emprego. 
Unha limitación a que se enfronta o Queixo de Cebreiro en xeral, e os seus produtores en particular, é a derivada do queixo curado. Esta versión do queixo do Cebreiro non ten unha mercado establecido debido á escasa produción é a que é un queixo moi forte que desata “paixón ou odio”. O proceso de curado implicaría un investimento importante en infraestruturas específicas, ademais ten uns custos de produción máis elevados por unidade e, como no proceso de curado perde moito líquido (e por conseguinte moito peso), para ser rendible o quilogramo debería venderse como mínimo a 20€.
Outra limitación é a distribución a mercados máis amplos. O feito de ser un produto fresco e perecedoiro implica que o transporte ha de ser rápido, refrixerado e “coidadoso”, o que, á súa vez, implica uns elevados custos de distribución que non é rendible asumir para cantidades pequenas.
  

Queixería Castelo: recoñecemento ao traballo ben feito

Os froitos desta iniciativa empresarial, aparte de ser recoñecido polos seus clientes como un produto de máxima calidade, tamén se ven reflectidos nos premios que acumula; de feito, durante os 13 anos consecutivos que leva organizándose a Cata de Queixos Galegos, a Queixería Castelo foi agraciada co galardón de ouro; entre outras distincións.  
Imaxe: Recollida do galardón de ouro da XIII Cata de Queixos Galegos (2010)

Así, Xesús Pérez Freijo, o recuperador do queixo do Cebreiro, cumpriu o seu principal obxectivo que, como el mesmo declara: “o obxectivo dende o inicio foi conseguir un produto co prestixio e a categoría que hoxe acadou de gran queixo, que o coñeceran no país e pouco a pouco ir ampliando mercado. Sen pretensións de grandes cantidades apostouse sempre na Queixería Castelo pola tradición e a calidade contrastada”.
Para máis información premer o seguinte enlace:
http://cid-cb1161680aae46da.office.live.com/browse.aspx/Queixer%C3%ADa%20Castelo.%20Unha%20iniciativa%20de%20desenvolvemento%20local%20baseada%20na%20tradici%C3%B3n%20rural?uc=1

domingo, 29 de mayo de 2011

Queixería Castelo: evolución recente

Dende que comezase a súa andaina alá por 1990 e despois de superar os impedimentos que apareceron polo camiño, a Queixería Castelo de Brañas non deixou de aumentar a súa produción ata chegar á súa máxima capacidade produtiva, a cal representa máis do 90% da produción total da Denominación de Orixe.
As estratexias levadas a cabo durante a etapa de crecemento para posicionarse onde hoxe se atopa dirixíronse fundamentalmente en tres liñas:
  • Aposta decidida pola calidade e a mellora continua do produto.
  • Dado o carácter perecedoiro do queixo do Cebreiro, Castelo optou por adaptar a produción á demanda.
  • A promoción xogou un papel fundamental, sobre todo, nos anos no que o produto aínda se estaba dando a coñecer polo territorio galego. Compaxinou as accións de promoción procedentes do Consello Regulador con accións propias: asistencia a feiras, publicidade “boca a boca”, ou asistencia a eventos aportando degustacións gratuítas do produto como maneira de captar novos clientes, darse a coñecer e aproveitar a publicidade derivada da cobertura do evento por parte dos medios de comunicación. Tamén se viu beneficiado, a nivel publicitario e de afluencia de xente, pola crecente cobertura informativa feita ao Camiño de Santiago, a feira do Queixo, e as temperás e continuas nevadas que se producen na zona.

Con todo isto, conseguiu unha serie de provedores e clientes fixos, como son Gadisa, El Corte Inglés, os paradores nacionais (salvo Vilalba), un importante número de restaurantes da cidade de Lugo, diversas tendas de produtos típicos galegos situadas en Santiago de Compostela e tendas especializadas en Madrid e Barcelona. Ademais, ten pedidos puntuais en pequenas cantidades de clientes concretos en Reino Unido, Holanda, Italia, Estados Unidos e Canadá.




Camiños para o desenvolvemento local

Nos vales de Araitz-Betelu, Roncal e Salazar puxéronse en marcha experiencias piloto de posta en valor de antigas sendas.
Co obxectivo de recuperar, conservar e poñer en valor antigos camiños rurais tradicionais e históricos, en Navarra estanse desenvolvendo tres experiencias piloto que abarcan un total de 10 sendas históricas. "Os principais obxectivos do proxecto son valorar e plantexar propostas que nos permitan aproveitar e poñer en valor o potencial dos camiños rurais en diferentes aspectos" observou Isabel Elizalde, técnica do Centro de Recursos Ambientais de Navarra (CRANA). Así, trataríase de contribuir á mellora do emprego, especialmente da muller no mundo rural, estudar melloras na accesibilidade que faciliten novas actividades económicas, así como sentar as bases para un novo modelo de ordenación de usos do solo.
Estemos atentos a esta iniciativa, pois é algo de posible aplicación en Galicia, terra de serras e vales e antigas rutas castrexas e romanas...
Enlace á noticia:

sábado, 28 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Elaboración

O queixo do Cebreiro é un queixo elaborado a partir de leite enteira de vaca das razas Rubia Galega, Pardo Alpina e Frisona (pasteurizada). O proceso de produción comprende as fases de coagulación, corte da callada, desorado, amasado e salgado, moldeado, prensado, maduración e, no se caso, curado. Este proceso de elaboración pode verse de forma rápida e gráfica no cómic realizado pol@s alumn@s do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro (http://www.cebreiro.es/00produc.htm).
O resultado despois de todo este proceso é un queixo con forma de fungo ou gorro de cociñeiro, cunha codia fina pero ben formada que case non se distingue da masa; a masa é branca, granulada, branda, arxilosa ó tacto, untuosa e fundente ao padal. O seu sabor e aroma recordan ao da leite da que proceden, lixeiramente acedo.
E para ir abrindo boca, aí quedan algunhas imaxes de como desgustar este produto:

O'Courel, unha xoia devastada

Vendo que as cousas non cambian quero que non se esqueza o tratamento que está a recibir a serra do Courel e apoiar a SOS Courel na súa loita contra a destrución dunha zona protexida e cun gran potencial turístico (desaproveitado). Para elo facilítivos un enlace a un vídeo - documental que trata sobre O’Courel e sobre a nula protección que neste caso se da a unha zona Red Natura 2000 e que pretende ser parque natural.

O’Courel é unha serra que presenta un importante potencial para o turismo de natureza pero que está a ser espoliado polas empresas de pizarra. Evidentemente existe un conflito de intereses entre pizarreiras e ecoloxistas, pero tamén entre veciños (aqueles que traballan nas pizarreiras contra os que non). Aínda que entendo a posición dos primeiros, non debe escapar aos ollos de ninguén que esta actividade está a provocar danos ambientais extremadamente graves, os máis chamativos son:
  • 3000ha foron extraídas da Red Natura 2000 para ser entregadas á explotación de pizarra. Este tipo de canteiras, a ceo aberto, provoca un importantísimo efecto visual.
  • Río Lor contaminado.
  • As cabanas da conca do río Lor, patrimonio etnográfico protexido, están xa case totalmente sepultadas polas escombreiras.
  •  Parte do couce do río Loruda está sepultado baixo terra polo mesmo motivo.
  • A carballeira de Santa Eufemia (con máis de 300 anos de idade) está comezando a ser arrasada.
A legalización de canteiras, despois de traballar 20 anos en situación irregular, explícase porque estas dan de comer a moita xente e sen elas O’Courel morrería… nada máis lonxe da realidade, O’Courel está a morrer e a unha maior velocidade; o despoboamento e a migración desta zona é, incluso, maior a de outras zonas interiores de Galicia; e a creación de emprego é practicamente nula por parte das canteiras. Por outra banda, esta actividade xera externalidades negativas para o resto de sectores da zona, como por exemplo o turismo rural e a actividade agraria.
Crear un parque natural solucionaría o problema? En principio parece a opción máis factible, sempre e cando se respecte a protección natural da zona e se xestione de forma sustentable. Canto menos penso que si serviría para conservar o patrimonio natural da zona para xeracións futuras que o saiban aproveitar porque de seguir coma ata agora,  o que se ten é “pan para hoxe e fame para mañá”.
Enlace ao vídeo: El Escarabajo Verde, vídeo titulado “O’Courel sale a pizarra” (2008)

viernes, 27 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Ámbito xeográfico

A zona de produción dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida “Cebreiro” está constituída pola área xeográfica que abarca os seguintes municipios da zona oriental da provincia de Lugo: Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Castroverde, Folgoso do Courel, Baleira, A Fonsagrada, Láncara, Samos e Triacastela.
A extensión abarcada pola D. O. está posta en entredito, tanto por parte das administracións locais como por algúns produtores, debido a que se teñen en conta concellos fora da alta montaña. Esta diferenza de altitude entre concellos implica unha climatoloxía distinta ao igual que unha especialización gandeira distinta e ambos factores inciden de forma moi importante no produto final en canto ás súas características organolépticas, concretamente existe unha diferenza evidente no sabor.
Álzanse algunhas voces a favor de restrinxir o ámbito xeográfico e tamén as razas vacúns consideradas para a obtención de leite. Ante esta petición pode parecer que o que preocupa a estes axentes son os localismos e, en parte, é certo; sen embargo, o feito de que existan importantes diferenzas facilmente observables nun mesmo produto protexido por un mesmo Consello Regulador, leva a que se desvirtúe o produto en si xa que dificulta a súa identificación por parte do consumidor.