Contidos

Mostrando entradas con la etiqueta Queixo do Cebreiro e Desenvolvemento Local. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Queixo do Cebreiro e Desenvolvemento Local. Mostrar todas las entradas

martes, 31 de mayo de 2011

A modo de conclusión


1. A Queixería Castelo foi a pioneira e a que deu exemplo de que é posible vivir e traballar no rural, valorizando o produto da terra. Isto abriu o camiño e o mercado para que aparecesen novos artesáns e novas queixerías na área xeográfica da Denominación de Orixe. Ademais, posibilita que explotacións gandeiras da zona obteñan ingresos complementarios e poidan manter a súa actividade, xa que a produción desta queixería faise exclusivamente con leite mercado na bisbarra.
2. O distintivo de calidade da Denominación de Orixe proporciona un valor engadido, unha marca, unha vinculación co territorio e ca tradición local; que actúa como dinamizadora da actividade socioeconómica e coloca a semente dun proceso de desenvolvemento local endóxeno.
3. Quizais a nota non tan positiva veña do lado da produción artesanal. a diferenza do ocorrido, por exemplo, co queixo de San Simón, para o queixo do Cebreiro non se estableceu ningún límite de tempo máximo ou de transición dende a actividade artesanal á actividade semi – industrial. Esta flexibilidade non incentiva aos artesáns para dar o salto cara o mundo empresarial e, a longo prazo, limita a capacidade de dinamización local que posúe esta actividade xa que dificulta que naza unha industria queixeira local - comarcal. Ademais, o feito de acollerse a unha regulación distinta e flexible pode verse como un prexuízo para os empresarios queixeiros xa que compiten en desigualdade de condicións (requerimentos sanitarios, fiscais, etc.)

Para máis información premer no enlace seguinte:


Queixería Castelo: perspectivas de futuro

Espérase que nun futuro non moi afastado o proxecto de creación do parque empresarial de Pedrafita do Cebreiro vote a andar de novo. Ademais da creación de novas instalacións para a queixería Castelo, permitiría aproveitar o tirón do Camiño de Santiago e a excelente comunicación viaria do concello mediante a localización de outras empresas. Isto dinamizaría o concello, favorecería o asentamento da poboación e dos negocios da zona, e crearía emprego.
O proceso de mellora continua que caracteriza á queixería Castelo seguirá sendo a motivación principal de cara ao futuro. Ao mesmo tempo continuará a indagar sobre as orixes do queixo máis alá do século VXIII, en colaboración con historiadores, con etnógrafos e co Consello Regulador. Esta é unha motivación de carácter persoal de Xesús Pérez, que pretende rescatar a historia e a tradición dun produto singular, xa que é consciente de que a tradición é unha vía de diferenciación do produto nos mercados.
A nivel xeral, os horizontes que se presentan para o queixo do Cebreiro son favorables xa que, en 2011, hai previsión de dobrar a cantidade producida nos anos anteriores grazas á aparición das novas queixerías. Tamén se prevé que esta tendencia de creación de queixería continúe e que, co paso do tempo, se logre crear unha industria similar a existente en Arzúa. A este respecto dicir que están en marcha varios proxectos para apertura de novas queixerías.
O futuro tamén se debería encamiñar, na miña opinión, cara o desenvolvemento de novas canles de comercialización e distribución aproveitando as novas tecnoloxías, así como cara a cooperación entre as queixerías da Denominación de Orixe e con outras queixerías galegas máis grandes e experimentadas (dinámica que xa aplica a queixería Marqués de Cernadas) para crear sinerxías, abrir mercados e reducir custos. 

lunes, 30 de mayo de 2011

Queixería Castelo: limitacións

A queixería Castelo xa fai varios anos que acadou a máxima capacidade de produción das súas instalacións. Hoxe en día enfróntase a unha limitación da capacidade produtiva debido á insuficiencia de infraestruturas no concello para crear novas instalacións. A paralización do parque empresarial foi un caldeiro de auga fría para este empresario que xa tiña a vista posta nunha parcela para ampliar instalacións e crear novos postos de emprego. 
Unha limitación a que se enfronta o Queixo de Cebreiro en xeral, e os seus produtores en particular, é a derivada do queixo curado. Esta versión do queixo do Cebreiro non ten unha mercado establecido debido á escasa produción é a que é un queixo moi forte que desata “paixón ou odio”. O proceso de curado implicaría un investimento importante en infraestruturas específicas, ademais ten uns custos de produción máis elevados por unidade e, como no proceso de curado perde moito líquido (e por conseguinte moito peso), para ser rendible o quilogramo debería venderse como mínimo a 20€.
Outra limitación é a distribución a mercados máis amplos. O feito de ser un produto fresco e perecedoiro implica que o transporte ha de ser rápido, refrixerado e “coidadoso”, o que, á súa vez, implica uns elevados custos de distribución que non é rendible asumir para cantidades pequenas.
  

Queixería Castelo: recoñecemento ao traballo ben feito

Os froitos desta iniciativa empresarial, aparte de ser recoñecido polos seus clientes como un produto de máxima calidade, tamén se ven reflectidos nos premios que acumula; de feito, durante os 13 anos consecutivos que leva organizándose a Cata de Queixos Galegos, a Queixería Castelo foi agraciada co galardón de ouro; entre outras distincións.  
Imaxe: Recollida do galardón de ouro da XIII Cata de Queixos Galegos (2010)

Así, Xesús Pérez Freijo, o recuperador do queixo do Cebreiro, cumpriu o seu principal obxectivo que, como el mesmo declara: “o obxectivo dende o inicio foi conseguir un produto co prestixio e a categoría que hoxe acadou de gran queixo, que o coñeceran no país e pouco a pouco ir ampliando mercado. Sen pretensións de grandes cantidades apostouse sempre na Queixería Castelo pola tradición e a calidade contrastada”.
Para máis información premer o seguinte enlace:
http://cid-cb1161680aae46da.office.live.com/browse.aspx/Queixer%C3%ADa%20Castelo.%20Unha%20iniciativa%20de%20desenvolvemento%20local%20baseada%20na%20tradici%C3%B3n%20rural?uc=1

domingo, 29 de mayo de 2011

Queixería Castelo: evolución recente

Dende que comezase a súa andaina alá por 1990 e despois de superar os impedimentos que apareceron polo camiño, a Queixería Castelo de Brañas non deixou de aumentar a súa produción ata chegar á súa máxima capacidade produtiva, a cal representa máis do 90% da produción total da Denominación de Orixe.
As estratexias levadas a cabo durante a etapa de crecemento para posicionarse onde hoxe se atopa dirixíronse fundamentalmente en tres liñas:
  • Aposta decidida pola calidade e a mellora continua do produto.
  • Dado o carácter perecedoiro do queixo do Cebreiro, Castelo optou por adaptar a produción á demanda.
  • A promoción xogou un papel fundamental, sobre todo, nos anos no que o produto aínda se estaba dando a coñecer polo territorio galego. Compaxinou as accións de promoción procedentes do Consello Regulador con accións propias: asistencia a feiras, publicidade “boca a boca”, ou asistencia a eventos aportando degustacións gratuítas do produto como maneira de captar novos clientes, darse a coñecer e aproveitar a publicidade derivada da cobertura do evento por parte dos medios de comunicación. Tamén se viu beneficiado, a nivel publicitario e de afluencia de xente, pola crecente cobertura informativa feita ao Camiño de Santiago, a feira do Queixo, e as temperás e continuas nevadas que se producen na zona.

Con todo isto, conseguiu unha serie de provedores e clientes fixos, como son Gadisa, El Corte Inglés, os paradores nacionais (salvo Vilalba), un importante número de restaurantes da cidade de Lugo, diversas tendas de produtos típicos galegos situadas en Santiago de Compostela e tendas especializadas en Madrid e Barcelona. Ademais, ten pedidos puntuais en pequenas cantidades de clientes concretos en Reino Unido, Holanda, Italia, Estados Unidos e Canadá.




sábado, 28 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Elaboración

O queixo do Cebreiro é un queixo elaborado a partir de leite enteira de vaca das razas Rubia Galega, Pardo Alpina e Frisona (pasteurizada). O proceso de produción comprende as fases de coagulación, corte da callada, desorado, amasado e salgado, moldeado, prensado, maduración e, no se caso, curado. Este proceso de elaboración pode verse de forma rápida e gráfica no cómic realizado pol@s alumn@s do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro (http://www.cebreiro.es/00produc.htm).
O resultado despois de todo este proceso é un queixo con forma de fungo ou gorro de cociñeiro, cunha codia fina pero ben formada que case non se distingue da masa; a masa é branca, granulada, branda, arxilosa ó tacto, untuosa e fundente ao padal. O seu sabor e aroma recordan ao da leite da que proceden, lixeiramente acedo.
E para ir abrindo boca, aí quedan algunhas imaxes de como desgustar este produto:

viernes, 27 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Ámbito xeográfico

A zona de produción dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida “Cebreiro” está constituída pola área xeográfica que abarca os seguintes municipios da zona oriental da provincia de Lugo: Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Castroverde, Folgoso do Courel, Baleira, A Fonsagrada, Láncara, Samos e Triacastela.
A extensión abarcada pola D. O. está posta en entredito, tanto por parte das administracións locais como por algúns produtores, debido a que se teñen en conta concellos fora da alta montaña. Esta diferenza de altitude entre concellos implica unha climatoloxía distinta ao igual que unha especialización gandeira distinta e ambos factores inciden de forma moi importante no produto final en canto ás súas características organolépticas, concretamente existe unha diferenza evidente no sabor.
Álzanse algunhas voces a favor de restrinxir o ámbito xeográfico e tamén as razas vacúns consideradas para a obtención de leite. Ante esta petición pode parecer que o que preocupa a estes axentes son os localismos e, en parte, é certo; sen embargo, o feito de que existan importantes diferenzas facilmente observables nun mesmo produto protexido por un mesmo Consello Regulador, leva a que se desvirtúe o produto en si xa que dificulta a súa identificación por parte do consumidor.

Entrevista aos produtores da D.O. Queixo do Cebreiro

No programa A Labranza da TVG emitido o pasado 17 de abril foron entrevistados os catro produtores de queixo do Cebreiro que na actualidade compoñen a Denominación de Orixe (do minuto 11.40 ao minuto 25.30 aproximadamente).
Foi Xesús Pérez (Queixería Castelo) o pioneiro na recuperación do mítico queixo do Cebreiro, antepoñendo a calidade e a satisfacción do consumidor á cantidade. 
A crecente aceptación e demanda deste produto e a determinación dunhas persoas por vivir e dinamizar o rural lucense fixo que pouco a pouco fosen aparecendo queixerías. Concretamente é 2010 o gran ano, cando aparecen a de Santo André e a de Marqués de Cernadas; ambas, vendo o tirón deste produto e os baixos prezos do leite pagados polas industrias transformadoras, decidiron crear valor engadido e transformalo eles mesmos.
Dende que Xesús comezase con esta aventura pasaron xa 20 anos e é agora cando o potencial deste produto parece que está a ser aproveitado. En 2010 apareceron as queixerías citadas e na actualidade existen proxectos para a aparición de novas instalacións deste tipo, unha delas, dun tamaño relativamente grande, prevese que comece a súa andaina durante este mesmo ano.
Enlace ao vídeo:

jueves, 26 de mayo de 2011

D. O. Queixo do Cebreiro

A categoría de Produto Galego de Calidade do Queixo do Cebreiro é recoñecida pola Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia do 16 de abril de 1991 e publicada no DOG do 08 de maio de 1991. Dende finais de 2004 pasa a ser Denominación de Orixe.
Ó longo destes anos, dende o Consello Regulador, tratouse de dalo a coñecer ofrecendo un produto de coidada presentación e exquisita calidade, introducindo garantías hixiénico - sanitarias e sen perder todos aqueles elementos tradicionais e artesáns que o fan peculiar e característico. Un produto totalmente natural ó que non se lle engaden conservantes nin aditivos. Para lograr este obxectivo, o Consello Regulador, en colaboración cos distintos entes públicos, centrou os seus esforzos nas tarefas de promoción: foi o primeiro queixo de Galicia en contar con páxina web, dos primeiros que tivo vídeos e anuncios publicitarios en televisión; ademais realizou catas e degustacións en casas da cultura de distintos lugares, en diversos eventos, en centros de cidades, en feiras dentro e fora de Galicia, organizáronse visitas e excursións de colexios, etc.
Hoxe en día, o queixo do Cebreiro comercialízase baixo o selo de calidade Denominación de Orixe Protexida Queixo do Cebreiro e a distribución do produto faise en unidades etiquetadas que fan referencia á súa condición de “ Produto Galego de Calidade”, o que garante a orixe, a calidade e a correcta elaboración deste produto.
  

Queixería Castelo: os inicios

A aparición desta queixería foi resultado da determinación de Xesús Pérez Freijo de establecerse e manterse na súa terra de orixe.
A idea de montar unha queixería apareceu a finais dos anos 80 nunha tarde de viños daquelas nas que se fala de todo e de nada. Foi D. Luis Abades, membro do ICA, quen lle deu a idea visto o éxito que estaba a ter a iniciativa en Arzúa; na opinión de D. Luis non era entendible como un queixo tan peculiar e saboroso se estaba deixando desaparecer, sobre todo nunha época na que a administración estaba a fomentar a creación deste tipo de producións.
O gran atranco que se atopou foi un cambio lexislativo en canto a saúde pública, que obrigaba a empregar leite pasteurizada no proceso de elaboración do queixo. O feito de usar leite pasteurizada en lugar de leite cru na elaboración dun queixo fresco, como era o caso, implica cambios na súa textura (menos cremosidade) e no seu sabor (máis ácido). Debido a isto, ata 1993 as vendas foron practicamente nulas dado que a produción lograda non se parecía ao queixo orixinario da zona. Foi un período duro e cheo de probas e máis probas para mellorar a receita e, ante estes atrancos, recibiu axuda de técnicos, enxeñeiros e queixeiros nacionais e, nalgún caso, internacionais; pero sen resultado. Durante eses primeiros anos, para cubrir custos e sobrevivir, a súa actividade básica consistiu en fundir queixo para fábricas externas; ao mesmo tempo que seguía a realizar novas probas.
Pero o esforzo ten premio e conseguiu obter unha boa receita para o produto. Sen embargo, o traballo non rematou aí xa que este empresario mantén un proceso de mellora continua do produto o cal compaxina coa investigación acerca dos orixes, previos ao século XVIII, do Queixo do Cebreiro. 

miércoles, 4 de mayo de 2011

Primeiro paso de apoio ao Queixo do Cebreiro

Esta festa gastronómica  celébrase dende 1987 o Venres Santo e cada ano asisten miles de persoas atraídas pola súa fama e en cada edición se acada un novo récord de asistencia e de vendas.
A data escollida responde a que era nesa época cando os produtores artesanais da zona, motivados pola afluencia de galegos retornados doutras zonas de España e por ser zona de paso de moitos viaxeiros aproveitaban para obter uns ingresos extraordinarios derivados dos excedentes leiteiros a través da venda directa de queixo nas feiras gandeiras típicas da zona.

Esta feira é un bo escaparate do queixo artesán e natural do Cebreiro.  A xente que se congrega nas sucesivas feiras pode atopar Queixos do Cebreiro con Denominación de Orixe, outros queixos e produtos alimentarios que se elaboran de xeito artesanal nas casas da zona, así como outro tipo de produtos artesanais   e expositores doutras zonas de Galicia e España, e incluso do estranxeiro.
Pode resultar curioso que esta feira se comezase a realizar antes de que existise ningunha queixería na zona, non obstante esta iniciativa responde ao apoio para a obtención de ingresos complementarios das explotacións familiares da zona e a unha maior concienciación dos axentes locais en canto á importancia deste produto, como marca diferenciada, a cal podería atraer visitantes, publicitar o territorio e crear iniciativas empresariais, como aos poucos anos así foi. 
Para máis información premer o seguinte enlace:

lunes, 25 de abril de 2011

Éxito da XXV Feira do Queixo do Cebreiro

O balance da última edición desta feira é de récord de asistencia e moi boas vendas, a pesar da ameaza constante de choiva. A afluencia masiva de xente tanto galega, como leonesa (principalmente do Bierzo) e doutras CCAA como Cataluña e o País Vasco fixo que se formasen colas para a degustación dos produtos e comer o polbo; sendo do balance de vendas moi positivo xa que a maioría dos produtores locais esgotaron a súas existencias de queixo en poucas horas.
A cita que congregou a un centenar de expositores que, ademais de exaltar o produto estrela da zona, tamén ofertou queixos doutras denominacións de orixe (galegas e non galegas), así como outros produtos alimentarios (embutidos, pan, doces, licores, mel, etc) e artesáns (madeira, pedra, bisutería, etc).
Aí vos deixo o enlace á noticia e unhas cantas fotos que saquei persoalmente:



































viernes, 22 de abril de 2011

Un queixo de Reis (2)

O gusto das Casas Reais polos queixos do Cebreiro no só queda no pasado. A Casa Real Española, representada polo Príncipe Felipe, tivo a oportunidade, en diversas ocasións, de saborear o queixo do Cebreiro e interesarse por el nalgunhas das súas visitas a Galicia. 
A máis recente que se pode destacar tivo lugar durante a visita de Benedicto XXVI á cidade de Santiago de Compostela en novembro de 2010. No menú degustado por todas as autoridades galegas, estatais e eclesiásticas durante ese día aparecía unha táboa de queixos galegos, entre eles o do Cebreiro. Pero non só iso, nunha comida desgustada polos Príncipes de Asturias no Hostal dos Reis Católicos antes de recibir ao Papa, o menú incluía queixo do Cebreiro; inclusión que posteriormente se soubo, se fixo por petición expresa do Príncipe Felipe.   

jueves, 21 de abril de 2011

Un queixo de Reis (1)

A documentación presente nos arquivos de Madrid e Simancas permiten observar como con periodicidade anual, o queixo elaborado no Cebreiro se dirixe ao consumo da Corte de Lisboa durante o reinado de Carlos III. 
Imaxe : Reprodución parcial do custo producido polas remesas de queixos do Cebreiro á Corte de Lisboa en 1781
Con destino a Portugal, o queixo do Cebreiro elaborábase nos domicilios dos campesiños da comarca (por mulleres principalmente) a partir de novembro aproveitando así o frío estacional para a súa mellor conservación. As remesas consistían sempre en dúas docenas de queixos e eran entregados na primeira quincena de xaneiro á Raíña de Portugal.
Para facer chegar os queixos a Portugal, na maioría das ocasións, seguíase o Camiño de Santiago ata chegar á cidade de Compostela. Desde aquí tomaba viaxe cara Lisboa onde chegaría quince días despois, pasando primeiro por Tui e Oporto. A partir de 1787 o itinerario cambia e parte directamente das montañas do Cebreiro con dirección a Lisboa, vía Castela, o que significaba un importante aforro de kilómetros e unha maior calidade á súa chegada a Portugal.

martes, 19 de abril de 2011

O queixo do Cebreiro nos séculos pasados

O queixo do Cebreiro, é un dos queixos de elaboración familiar máis antigos de Galicia e é un produto claramente vinculado ao Camiño de Santiago. Esa vinculación do queixo do Cebreiro e do Camiño Francés fixo que dende fai moitos séculos O Cebreiro fose coñecido como un dos territorios produtores por excelencia. A súa estendida fama fixo que este produto lácteo gozase dunha moi aceptable acollida nos mercados de séculos pasados; de feito existe documentación a partir do século XXVIII que así o acredita:
  • 1750: P. de Seguín: os queixos do Cebreiro “son nos mellores gustos os máis delicados do mundo”.
  • 1762: Arancel de prezos fixados polo Concello da Coruña: no mercado desa cidade vendíase a libra de queixo do Cebreiro a un prezo case igual ao dos queixos importados de Holanda, Flandes e Inglaterra.
  • 1767: Consta nun informe sobre o cultivo de montes que as montañas do Cebreiro “amparan a comodidade da vida dos seus habitantes con felices colleitas de exquisito centeo, moita cría de gando e abundancia de manteiga e queixo”.
  • 1786: Cornide enfatiza a común grangería de gandos, de cuxa carne os lugareños fan riquísima cecina e da súa leite obteñen o apreciado queixo do Cebreiro.
  • 1793: Correo Mercantil de España y sus Indias: os queixos do Cebreiro comportan “un dos artigos que contribúen a aumentar o comercio activo de Galicia” pola súa exportación ás dúas Castelas e a Madrid, e “gozan dunha estimación similar aos das montañas de Burgos e da provincia da Mancha”.
  • 1850: Neira de Mosquera: o queixo preparado no Cebreiro fórmase “entre anacos dun lenzo que podería competir co empregado nas veas das embarcacións”, e cuxa granulosa textura fai presentar “a informe  exterioridade dunha elaboración salvaxe”.
  • 1852: Conde de Pallares: pola súa peculiar elaboración, o queixo do Cebreiro podería rivalizar cos queixos franceses de Brie e Marolles ou cos suízos de Neufchatel.


 Para máis información premer no seguinte enlace:

viernes, 8 de abril de 2011

Por qué mercar un queixo artesán galego?

Pois por:
  • PRACER: o consumidor está a mercar un produto de nivel “gourmet”.
  • AUTENTICIDADE: o queixo artesán elaborase a partir de leite galega de calidade.
  • TERRITORIO: cando o consumidor merca un queixo artesán tamén está a mercar un “billete” á natureza da súa zona de produción.
  • TRADICIÓN: un queixo elaborado de forma artesá é un capítulo da historia da zona na que se elabora. Acontecementos como invasións, colonizacións ou migracións fan destes produtos o que hoxe son.
  • SENTIMENTOS: os aromas e os sabores da nosa terra quedan na memoria do consumidor de forma inalterable, aproximando a este aos valores perdidos de antaño.
  • PRESTIXIO: a calidade e o sabor do queixo artesán son as bazas que lle confiren prestixio.
  • SAÚDE: o queixo artesanal é un alimento completo, sen contaminantes nin aditivos.
  • SABOR: a elaboración artesá do queixo confírelle unhas características organolépticas dificilmente comparables coas producións industriais.

Queixos galegos: luces e sombras

Os antecedentes dos cinco queixos tradicionais galegos asócianse ao proceso histórico de Galicia. A orixe do queixo de San Simón remóntase á colonización romana; o queixo do Cebreiro esta ligado ao Camiño de Santiago, mentres que os queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa presentan unha orixe máis difusa.
A pesar da súa dilatada historia, a partir da guerra civil española os queixos tradicionais galegos comezan unha etapa de “escuridade” debido á que coa implantación gradual de queixerías mecanizadas, o consumidor podía atopar produtos coa mesma denominación e aspecto físico, aínda que de características moi distintas aos orixinais.
A final da década dos 80, os queixos galegos comezan a renacer. É nestes anos cando aparecen as primeiras queixerías artesás na zona de Arzúa, estendéndose esta idea a outras de Galicia como Betanzos, O Cebreiro, a Ulloa, etc. Este rápido desenvolvemento inicial foi impulsado por un cúmulo de factores de diversa índole: as axudas da Xunta de Galicia, a inestabilidade nos prezos do leite, o incremento do valor engadido do leite nas explotacións medianas, o abandono das rutas de recollida de leite nas zonas de montaña, temor á política de cuotas leiteiras da Unión Europea, etc.
Dende finais dos 80 e ata a actualidade a evolución, aínda que dispar, foi moi positiva para todos estes queixos.
Enlace: no meu Skydrive xa podedes atopar partes deste traballo máis completas:

sábado, 2 de abril de 2011

Unha cita ineludible: XXV Feira do Queixo do Cebreiro

XXV Feira da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro. Programa:
  • 9.30h: Apertura da XXV edición da Denominación de Orixe Protexida do Cebreiro e produtos artesáns.
  • 12.00h: Pregón a cargo de D. José Mouriño Cuba, xefe do servizo de control de calidade agroalimentaria e industrias de Lugo.
  • 12.30h: Baile rexional a cargo da Asociación Cultural "Xistra".
No centro de artesanía:
  • Exposición fotográfica do Concello de Pedrafita do Cebreiro "As nosas aldeas".
  • Representación da elaboración do queixo da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, pasado e presente.
Enlace á noticia:

viernes, 25 de marzo de 2011

Presentación do caso de estudo

Neste apartado vanse realizar entradas acerca dunha iniciativa empresarial, Queixería Castelo, para tratar de vinculala co desenvolvemento económico local do Concello de Pedrafita do Cebreiro. Este pequeno estudo vaise titular: “Queixería Castelo: Unha iniciativa de desenvolvemento local baseada na tradición rural”.
Para a súa elaboración acudirase ás fontes primarias e a documentos oficiais (D. O. Queixo do Cebreiro), académicos e de prensa. Os aspectos a ter en conta da información recopiada para determinar a endoxeneidade e o papel no desenvolvemento local desta iniciativa serán de carácter histórico, etnográfico, territorial, económico, político e social.
A parte das entradas que vaia realizando no Blog, teredes a posibilidade de acceder ao meu Skydrive (mediante un enlace que vos comunicarei en breve) onde poderedes atopar o estudo completo que estou a realizar, as referencias bibliográficas e demais fontes de información empregadas.
Agardo con moito interese as vosas suxerencias, comentarios e opinións.