martes, 31 de mayo de 2011

A modo de conclusión


1. A Queixería Castelo foi a pioneira e a que deu exemplo de que é posible vivir e traballar no rural, valorizando o produto da terra. Isto abriu o camiño e o mercado para que aparecesen novos artesáns e novas queixerías na área xeográfica da Denominación de Orixe. Ademais, posibilita que explotacións gandeiras da zona obteñan ingresos complementarios e poidan manter a súa actividade, xa que a produción desta queixería faise exclusivamente con leite mercado na bisbarra.
2. O distintivo de calidade da Denominación de Orixe proporciona un valor engadido, unha marca, unha vinculación co territorio e ca tradición local; que actúa como dinamizadora da actividade socioeconómica e coloca a semente dun proceso de desenvolvemento local endóxeno.
3. Quizais a nota non tan positiva veña do lado da produción artesanal. a diferenza do ocorrido, por exemplo, co queixo de San Simón, para o queixo do Cebreiro non se estableceu ningún límite de tempo máximo ou de transición dende a actividade artesanal á actividade semi – industrial. Esta flexibilidade non incentiva aos artesáns para dar o salto cara o mundo empresarial e, a longo prazo, limita a capacidade de dinamización local que posúe esta actividade xa que dificulta que naza unha industria queixeira local - comarcal. Ademais, o feito de acollerse a unha regulación distinta e flexible pode verse como un prexuízo para os empresarios queixeiros xa que compiten en desigualdade de condicións (requerimentos sanitarios, fiscais, etc.)

Para máis información premer no enlace seguinte:


Subvencións ao turismo rural en Galicia (2011)

A Consellería de Cultura e Turismo convoca unhas axudas para a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico, mediante a subvención a entidades privadas para a creación de aldeas de turismo rural, a mellora de establecementos existentes de turismo rural, e a creación ou mellora da oferta complementaria nos establecementos de turismo rural existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Está moi ben iso de adecuar as infraestruturas turísticas ás esixencias dos consumidores, pero non sería máis beneficiosos a medio e longo prazo apostar pola diversificación? O documento céntrase excesivamente en establecementos de aloxamento e restauración... parece que a administración aínda non se deu conta de que os clientes queren entreterse, coñercer o entorno natural e cultural... non se trata só de comer e durmir!!!
A norma pode consultarse na Orde do 23 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a potenciación do turismo mediante a mellora de establecementos. Enlace á publicación do DOG:

Queixería Castelo: perspectivas de futuro

Espérase que nun futuro non moi afastado o proxecto de creación do parque empresarial de Pedrafita do Cebreiro vote a andar de novo. Ademais da creación de novas instalacións para a queixería Castelo, permitiría aproveitar o tirón do Camiño de Santiago e a excelente comunicación viaria do concello mediante a localización de outras empresas. Isto dinamizaría o concello, favorecería o asentamento da poboación e dos negocios da zona, e crearía emprego.
O proceso de mellora continua que caracteriza á queixería Castelo seguirá sendo a motivación principal de cara ao futuro. Ao mesmo tempo continuará a indagar sobre as orixes do queixo máis alá do século VXIII, en colaboración con historiadores, con etnógrafos e co Consello Regulador. Esta é unha motivación de carácter persoal de Xesús Pérez, que pretende rescatar a historia e a tradición dun produto singular, xa que é consciente de que a tradición é unha vía de diferenciación do produto nos mercados.
A nivel xeral, os horizontes que se presentan para o queixo do Cebreiro son favorables xa que, en 2011, hai previsión de dobrar a cantidade producida nos anos anteriores grazas á aparición das novas queixerías. Tamén se prevé que esta tendencia de creación de queixería continúe e que, co paso do tempo, se logre crear unha industria similar a existente en Arzúa. A este respecto dicir que están en marcha varios proxectos para apertura de novas queixerías.
O futuro tamén se debería encamiñar, na miña opinión, cara o desenvolvemento de novas canles de comercialización e distribución aproveitando as novas tecnoloxías, así como cara a cooperación entre as queixerías da Denominación de Orixe e con outras queixerías galegas máis grandes e experimentadas (dinámica que xa aplica a queixería Marqués de Cernadas) para crear sinerxías, abrir mercados e reducir custos. 

lunes, 30 de mayo de 2011

Queixería Castelo: limitacións

A queixería Castelo xa fai varios anos que acadou a máxima capacidade de produción das súas instalacións. Hoxe en día enfróntase a unha limitación da capacidade produtiva debido á insuficiencia de infraestruturas no concello para crear novas instalacións. A paralización do parque empresarial foi un caldeiro de auga fría para este empresario que xa tiña a vista posta nunha parcela para ampliar instalacións e crear novos postos de emprego. 
Unha limitación a que se enfronta o Queixo de Cebreiro en xeral, e os seus produtores en particular, é a derivada do queixo curado. Esta versión do queixo do Cebreiro non ten unha mercado establecido debido á escasa produción é a que é un queixo moi forte que desata “paixón ou odio”. O proceso de curado implicaría un investimento importante en infraestruturas específicas, ademais ten uns custos de produción máis elevados por unidade e, como no proceso de curado perde moito líquido (e por conseguinte moito peso), para ser rendible o quilogramo debería venderse como mínimo a 20€.
Outra limitación é a distribución a mercados máis amplos. O feito de ser un produto fresco e perecedoiro implica que o transporte ha de ser rápido, refrixerado e “coidadoso”, o que, á súa vez, implica uns elevados custos de distribución que non é rendible asumir para cantidades pequenas.
  

Queixería Castelo: recoñecemento ao traballo ben feito

Os froitos desta iniciativa empresarial, aparte de ser recoñecido polos seus clientes como un produto de máxima calidade, tamén se ven reflectidos nos premios que acumula; de feito, durante os 13 anos consecutivos que leva organizándose a Cata de Queixos Galegos, a Queixería Castelo foi agraciada co galardón de ouro; entre outras distincións.  
Imaxe: Recollida do galardón de ouro da XIII Cata de Queixos Galegos (2010)

Así, Xesús Pérez Freijo, o recuperador do queixo do Cebreiro, cumpriu o seu principal obxectivo que, como el mesmo declara: “o obxectivo dende o inicio foi conseguir un produto co prestixio e a categoría que hoxe acadou de gran queixo, que o coñeceran no país e pouco a pouco ir ampliando mercado. Sen pretensións de grandes cantidades apostouse sempre na Queixería Castelo pola tradición e a calidade contrastada”.
Para máis información premer o seguinte enlace:
http://cid-cb1161680aae46da.office.live.com/browse.aspx/Queixer%C3%ADa%20Castelo.%20Unha%20iniciativa%20de%20desenvolvemento%20local%20baseada%20na%20tradici%C3%B3n%20rural?uc=1

domingo, 29 de mayo de 2011

Queixería Castelo: evolución recente

Dende que comezase a súa andaina alá por 1990 e despois de superar os impedimentos que apareceron polo camiño, a Queixería Castelo de Brañas non deixou de aumentar a súa produción ata chegar á súa máxima capacidade produtiva, a cal representa máis do 90% da produción total da Denominación de Orixe.
As estratexias levadas a cabo durante a etapa de crecemento para posicionarse onde hoxe se atopa dirixíronse fundamentalmente en tres liñas:
  • Aposta decidida pola calidade e a mellora continua do produto.
  • Dado o carácter perecedoiro do queixo do Cebreiro, Castelo optou por adaptar a produción á demanda.
  • A promoción xogou un papel fundamental, sobre todo, nos anos no que o produto aínda se estaba dando a coñecer polo territorio galego. Compaxinou as accións de promoción procedentes do Consello Regulador con accións propias: asistencia a feiras, publicidade “boca a boca”, ou asistencia a eventos aportando degustacións gratuítas do produto como maneira de captar novos clientes, darse a coñecer e aproveitar a publicidade derivada da cobertura do evento por parte dos medios de comunicación. Tamén se viu beneficiado, a nivel publicitario e de afluencia de xente, pola crecente cobertura informativa feita ao Camiño de Santiago, a feira do Queixo, e as temperás e continuas nevadas que se producen na zona.

Con todo isto, conseguiu unha serie de provedores e clientes fixos, como son Gadisa, El Corte Inglés, os paradores nacionais (salvo Vilalba), un importante número de restaurantes da cidade de Lugo, diversas tendas de produtos típicos galegos situadas en Santiago de Compostela e tendas especializadas en Madrid e Barcelona. Ademais, ten pedidos puntuais en pequenas cantidades de clientes concretos en Reino Unido, Holanda, Italia, Estados Unidos e Canadá.




Camiños para o desenvolvemento local

Nos vales de Araitz-Betelu, Roncal e Salazar puxéronse en marcha experiencias piloto de posta en valor de antigas sendas.
Co obxectivo de recuperar, conservar e poñer en valor antigos camiños rurais tradicionais e históricos, en Navarra estanse desenvolvendo tres experiencias piloto que abarcan un total de 10 sendas históricas. "Os principais obxectivos do proxecto son valorar e plantexar propostas que nos permitan aproveitar e poñer en valor o potencial dos camiños rurais en diferentes aspectos" observou Isabel Elizalde, técnica do Centro de Recursos Ambientais de Navarra (CRANA). Así, trataríase de contribuir á mellora do emprego, especialmente da muller no mundo rural, estudar melloras na accesibilidade que faciliten novas actividades económicas, así como sentar as bases para un novo modelo de ordenación de usos do solo.
Estemos atentos a esta iniciativa, pois é algo de posible aplicación en Galicia, terra de serras e vales e antigas rutas castrexas e romanas...
Enlace á noticia:

sábado, 28 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Elaboración

O queixo do Cebreiro é un queixo elaborado a partir de leite enteira de vaca das razas Rubia Galega, Pardo Alpina e Frisona (pasteurizada). O proceso de produción comprende as fases de coagulación, corte da callada, desorado, amasado e salgado, moldeado, prensado, maduración e, no se caso, curado. Este proceso de elaboración pode verse de forma rápida e gráfica no cómic realizado pol@s alumn@s do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro (http://www.cebreiro.es/00produc.htm).
O resultado despois de todo este proceso é un queixo con forma de fungo ou gorro de cociñeiro, cunha codia fina pero ben formada que case non se distingue da masa; a masa é branca, granulada, branda, arxilosa ó tacto, untuosa e fundente ao padal. O seu sabor e aroma recordan ao da leite da que proceden, lixeiramente acedo.
E para ir abrindo boca, aí quedan algunhas imaxes de como desgustar este produto:

O'Courel, unha xoia devastada

Vendo que as cousas non cambian quero que non se esqueza o tratamento que está a recibir a serra do Courel e apoiar a SOS Courel na súa loita contra a destrución dunha zona protexida e cun gran potencial turístico (desaproveitado). Para elo facilítivos un enlace a un vídeo - documental que trata sobre O’Courel e sobre a nula protección que neste caso se da a unha zona Red Natura 2000 e que pretende ser parque natural.

O’Courel é unha serra que presenta un importante potencial para o turismo de natureza pero que está a ser espoliado polas empresas de pizarra. Evidentemente existe un conflito de intereses entre pizarreiras e ecoloxistas, pero tamén entre veciños (aqueles que traballan nas pizarreiras contra os que non). Aínda que entendo a posición dos primeiros, non debe escapar aos ollos de ninguén que esta actividade está a provocar danos ambientais extremadamente graves, os máis chamativos son:
  • 3000ha foron extraídas da Red Natura 2000 para ser entregadas á explotación de pizarra. Este tipo de canteiras, a ceo aberto, provoca un importantísimo efecto visual.
  • Río Lor contaminado.
  • As cabanas da conca do río Lor, patrimonio etnográfico protexido, están xa case totalmente sepultadas polas escombreiras.
  •  Parte do couce do río Loruda está sepultado baixo terra polo mesmo motivo.
  • A carballeira de Santa Eufemia (con máis de 300 anos de idade) está comezando a ser arrasada.
A legalización de canteiras, despois de traballar 20 anos en situación irregular, explícase porque estas dan de comer a moita xente e sen elas O’Courel morrería… nada máis lonxe da realidade, O’Courel está a morrer e a unha maior velocidade; o despoboamento e a migración desta zona é, incluso, maior a de outras zonas interiores de Galicia; e a creación de emprego é practicamente nula por parte das canteiras. Por outra banda, esta actividade xera externalidades negativas para o resto de sectores da zona, como por exemplo o turismo rural e a actividade agraria.
Crear un parque natural solucionaría o problema? En principio parece a opción máis factible, sempre e cando se respecte a protección natural da zona e se xestione de forma sustentable. Canto menos penso que si serviría para conservar o patrimonio natural da zona para xeracións futuras que o saiban aproveitar porque de seguir coma ata agora,  o que se ten é “pan para hoxe e fame para mañá”.
Enlace ao vídeo: El Escarabajo Verde, vídeo titulado “O’Courel sale a pizarra” (2008)

viernes, 27 de mayo de 2011

D.O. Queixo do Cebreiro: Ámbito xeográfico

A zona de produción dos queixos amparados pola Denominación de Orixe Protexida “Cebreiro” está constituída pola área xeográfica que abarca os seguintes municipios da zona oriental da provincia de Lugo: Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Castroverde, Folgoso do Courel, Baleira, A Fonsagrada, Láncara, Samos e Triacastela.
A extensión abarcada pola D. O. está posta en entredito, tanto por parte das administracións locais como por algúns produtores, debido a que se teñen en conta concellos fora da alta montaña. Esta diferenza de altitude entre concellos implica unha climatoloxía distinta ao igual que unha especialización gandeira distinta e ambos factores inciden de forma moi importante no produto final en canto ás súas características organolépticas, concretamente existe unha diferenza evidente no sabor.
Álzanse algunhas voces a favor de restrinxir o ámbito xeográfico e tamén as razas vacúns consideradas para a obtención de leite. Ante esta petición pode parecer que o que preocupa a estes axentes son os localismos e, en parte, é certo; sen embargo, o feito de que existan importantes diferenzas facilmente observables nun mesmo produto protexido por un mesmo Consello Regulador, leva a que se desvirtúe o produto en si xa que dificulta a súa identificación por parte do consumidor.

Entrevista aos produtores da D.O. Queixo do Cebreiro

No programa A Labranza da TVG emitido o pasado 17 de abril foron entrevistados os catro produtores de queixo do Cebreiro que na actualidade compoñen a Denominación de Orixe (do minuto 11.40 ao minuto 25.30 aproximadamente).
Foi Xesús Pérez (Queixería Castelo) o pioneiro na recuperación do mítico queixo do Cebreiro, antepoñendo a calidade e a satisfacción do consumidor á cantidade. 
A crecente aceptación e demanda deste produto e a determinación dunhas persoas por vivir e dinamizar o rural lucense fixo que pouco a pouco fosen aparecendo queixerías. Concretamente é 2010 o gran ano, cando aparecen a de Santo André e a de Marqués de Cernadas; ambas, vendo o tirón deste produto e os baixos prezos do leite pagados polas industrias transformadoras, decidiron crear valor engadido e transformalo eles mesmos.
Dende que Xesús comezase con esta aventura pasaron xa 20 anos e é agora cando o potencial deste produto parece que está a ser aproveitado. En 2010 apareceron as queixerías citadas e na actualidade existen proxectos para a aparición de novas instalacións deste tipo, unha delas, dun tamaño relativamente grande, prevese que comece a súa andaina durante este mesmo ano.
Enlace ao vídeo:

jueves, 26 de mayo de 2011

D. O. Queixo do Cebreiro

A categoría de Produto Galego de Calidade do Queixo do Cebreiro é recoñecida pola Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia do 16 de abril de 1991 e publicada no DOG do 08 de maio de 1991. Dende finais de 2004 pasa a ser Denominación de Orixe.
Ó longo destes anos, dende o Consello Regulador, tratouse de dalo a coñecer ofrecendo un produto de coidada presentación e exquisita calidade, introducindo garantías hixiénico - sanitarias e sen perder todos aqueles elementos tradicionais e artesáns que o fan peculiar e característico. Un produto totalmente natural ó que non se lle engaden conservantes nin aditivos. Para lograr este obxectivo, o Consello Regulador, en colaboración cos distintos entes públicos, centrou os seus esforzos nas tarefas de promoción: foi o primeiro queixo de Galicia en contar con páxina web, dos primeiros que tivo vídeos e anuncios publicitarios en televisión; ademais realizou catas e degustacións en casas da cultura de distintos lugares, en diversos eventos, en centros de cidades, en feiras dentro e fora de Galicia, organizáronse visitas e excursións de colexios, etc.
Hoxe en día, o queixo do Cebreiro comercialízase baixo o selo de calidade Denominación de Orixe Protexida Queixo do Cebreiro e a distribución do produto faise en unidades etiquetadas que fan referencia á súa condición de “ Produto Galego de Calidade”, o que garante a orixe, a calidade e a correcta elaboración deste produto.
  

Queixería Castelo: os inicios

A aparición desta queixería foi resultado da determinación de Xesús Pérez Freijo de establecerse e manterse na súa terra de orixe.
A idea de montar unha queixería apareceu a finais dos anos 80 nunha tarde de viños daquelas nas que se fala de todo e de nada. Foi D. Luis Abades, membro do ICA, quen lle deu a idea visto o éxito que estaba a ter a iniciativa en Arzúa; na opinión de D. Luis non era entendible como un queixo tan peculiar e saboroso se estaba deixando desaparecer, sobre todo nunha época na que a administración estaba a fomentar a creación deste tipo de producións.
O gran atranco que se atopou foi un cambio lexislativo en canto a saúde pública, que obrigaba a empregar leite pasteurizada no proceso de elaboración do queixo. O feito de usar leite pasteurizada en lugar de leite cru na elaboración dun queixo fresco, como era o caso, implica cambios na súa textura (menos cremosidade) e no seu sabor (máis ácido). Debido a isto, ata 1993 as vendas foron practicamente nulas dado que a produción lograda non se parecía ao queixo orixinario da zona. Foi un período duro e cheo de probas e máis probas para mellorar a receita e, ante estes atrancos, recibiu axuda de técnicos, enxeñeiros e queixeiros nacionais e, nalgún caso, internacionais; pero sen resultado. Durante eses primeiros anos, para cubrir custos e sobrevivir, a súa actividade básica consistiu en fundir queixo para fábricas externas; ao mesmo tempo que seguía a realizar novas probas.
Pero o esforzo ten premio e conseguiu obter unha boa receita para o produto. Sen embargo, o traballo non rematou aí xa que este empresario mantén un proceso de mellora continua do produto o cal compaxina coa investigación acerca dos orixes, previos ao século XVIII, do Queixo do Cebreiro. 

jueves, 19 de mayo de 2011

Redes alternativas de alimentos: un nicho de mercado

As redes alternativas de alimentos representan un esforzo por relocalizar e resocializar os procesos de produción, distribución e consumo; e están a ter un éxito crecente en moitos países. As súas características diferenciadoras son que non existen intermediarios entre produtor e consumidor, que poñen énfase no cultivo de produtos orgánicos e ecolóxicos; e que se centran na calidade e non na cantidade. Estes aspectos cada, vez máis valorados pola sociedade (principalmente urbana e de clase media-alta), están a facer que se abran novas oportunidades de negocio no rural de moitos países.
Pero, son viables este tipo de negocios? Sería posible transladar esta experiencia á nosa Galicia? Unha clara limitacións destas redes alternativas de alimentos derívase do feito de que a venda directa implica unha maior carga de traballo e de tempo; e tamén asumir os custos de transporte e distribución. Ademais, unha actividade deste tipo require ter un certo coñecemento do mercado obxectivo.
Referencia bilbiográfica: JAROSZ, L. (2008): "The city in the country: Growing alternative food networks in Metropolitan areas". Journal of Rural Studies, vol 4, nº 3 pp 231-244. 
Enlace ao artigo: 

martes, 17 de mayo de 2011

A crise demográfica e de despoboamento agrávase en Galicia

Entre os anos 2000 e 2010, Galicia apenas aumentou a súa población residente: 4.161 personas máis, o que representa un incremento do 1,52 por mil. Sen embargo, ese período tivo dúas etapas con comportamientos moi distintos. Na primeira (de 2000 a 2008) a poboación aumentou en case 64.500 persoas, e no ano que vai de xullo de 2009 a xullo de 2010 perdéronse máis de 60.000!!!!!!
Por tanto, cando se di que os efectos da crise non foron tan fortes en Galicia como no resto de España, depende de qué cifras se manexen, pois o por habitante puede resultar engañoso, na medida que basta con que o denominador decreza para que o cociente aumente sen que o numerador experimentase melloría algunha.
O que é aínda máis triste é que as zonas máis afectadas son as de sempre, é dicir, as rurais... acaso queremos que a nosa xeografía quede plagada de aldeas abandoadas como as da foto? querer no queremos, pero loitar tampouco loitamos...

Enlace á noticia:

Contraurbanización: si ou non?

O fenómeno denominado contraurbanización refírese á transformación da distribución espacial da poboación, a cál se translada dende as urbes ás áreas rurais próximas. Este fenómeno leva tempo observándose en EEUU e Latinoamérica e tamén parece comezar no noso país.
Xa se está comezando a "vender" esta idea como o futuro do rural, pero nada máis lonxe da realidade. Estes novos residentes seguen a realizar todas as súas actividades na cidade, non soen relacionarse cos veciños e, en moitas ocasións, non respectan a forma de vida dos residentes autóctonos o que xera conflictos de intereses (o esterco cheira mal, por exemplo). Por outra banda, a pesar de que se di que este éxodo urbano ven motivado pola saturación e contaminación das cidades, pola tranquilidade e o desfrute da natureza que ofrece o rural, pola mellora das infraestruturas de transporte e a maior flexibilidade na organización do traballo (grazas ás TIC)... eu penso que o prezo do solo segue a ser o factor determinante na toma deste tipo de decisións. E de aquí xúrdeme unha pregunta, non estaremos a falar da urbanización do rural en lugar da contraurbanización? Un fenómeno xeralizado deste tipo, en ausencia de planificación, podería traer consigo todos os efectos nocivos da especulación urbanística... non queremos que os nosos pobos e aldeas do rural sexan o "novo Barreiros" verdade?
FERRÁS, C. (2007): "El enigma de la contraurbanización. Fenómeno empírico y concepto caótico". Revista Latinoamericana de Estudios Urbanos Regionales, vol. 33, nº 98, pp 5-25.
Enlace ó artigo:

martes, 10 de mayo de 2011

Acceso a internet no rural...un paso adiante

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pretende facer posible o acceso a Internet dos municipios do sur de Lugo a través da tecnoloxía WIMAX. Para iso está desenvolvendo, en coordinación co departamento autonómico de Innovación e Industria, un proxecto destinado á creación dunha infraestrutura de acceso a Internet sen fios nos concellos do sur de Lugo e zonas limítrofes da provincia de Ourense. Esta iniciativa englóbase dentro dun programa máis amplo que busca implantar esta rede nas zonas do rural galego co fin de acabar co illamento tecnolóxico do interior de Galicia.
Enlace á noticia:

lunes, 9 de mayo de 2011

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como cidade-xardín

De vez en cando hai que retomar os idearios pasados para buscar “novas ideas” e “novas solucións” aos problemas de sempre como poder ser, neste caso, a visión dunha rexión organizada a través de cidades en rede perfectamente integradas co mundo rural. Ilustres galegos como Castelao, Otero Pedrayo ou Cunqueiro xa tiñan en mente unha Galicia como cidade aberta, natural, polinuclear e descentralizada… e esta idea hoxe en día podería estar máis preto se empregamos as TIC como estratexia.
En síntese, esta idea consistiría en crear un modelo de desenvolvemento territorial desconcentrado, formado por asentamentos de mediano tamaño, onde se o campo e a cidade se integren e complementen. A idea sería modernizar o concepto clásico de cidade-xardín creando unha rede polifuncional, ben comunicada que aprobeite os fluxos de información a través das TIC, para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este modelo de desenvolvemento pasa por aproveitar o noso feito cultural común fronte ao exterior, facendo valer a riqueza do noso sistema de asentamentos e a nosa singular forma de habitar o territorio; de forma que convertamos o que hoxe vemos como un problema nunha oportunidade de futuro. Acaso é negativa a dispersión dos nosos asentamentos? E o minifundio? E o sentimentalismo rural? Penso que deixar a maior parte do territorio como un territorio abandonado non é lóxico nin dende o punto de vista económico nin social. O desenvolvemento de Galicia pasa por aplicar novos modelos de desenvolvemento rural-urbano e modernización ecolóxica que impulsen a diversificación socioeconómica do campo, respecten o medio ambiente e fixen poboación nestes espazos rurais incrementando así o benestar social. É dicir, en última instancia, preténdese convencer á poboación de que vivir no rural é igual ou mellor que vivir na cidade, que as oportunidades existen, tan só hai que buscalas e loitar polo que desexas.

Referencia bibliográfica: FERRÁS SEXTO, C. (2006): "Un ideario de cidade policéntrica ubicada nun grande xardín. O caso da eurorexión Galicia-Norte de Portugal", Revista de Estudos Euro Rexionais, nº1, Ano 1º, páx. 27-38.     

miércoles, 4 de mayo de 2011

Primeiro paso de apoio ao Queixo do Cebreiro

Esta festa gastronómica  celébrase dende 1987 o Venres Santo e cada ano asisten miles de persoas atraídas pola súa fama e en cada edición se acada un novo récord de asistencia e de vendas.
A data escollida responde a que era nesa época cando os produtores artesanais da zona, motivados pola afluencia de galegos retornados doutras zonas de España e por ser zona de paso de moitos viaxeiros aproveitaban para obter uns ingresos extraordinarios derivados dos excedentes leiteiros a través da venda directa de queixo nas feiras gandeiras típicas da zona.

Esta feira é un bo escaparate do queixo artesán e natural do Cebreiro.  A xente que se congrega nas sucesivas feiras pode atopar Queixos do Cebreiro con Denominación de Orixe, outros queixos e produtos alimentarios que se elaboran de xeito artesanal nas casas da zona, así como outro tipo de produtos artesanais   e expositores doutras zonas de Galicia e España, e incluso do estranxeiro.
Pode resultar curioso que esta feira se comezase a realizar antes de que existise ningunha queixería na zona, non obstante esta iniciativa responde ao apoio para a obtención de ingresos complementarios das explotacións familiares da zona e a unha maior concienciación dos axentes locais en canto á importancia deste produto, como marca diferenciada, a cal podería atraer visitantes, publicitar o territorio e crear iniciativas empresariais, como aos poucos anos así foi. 
Para máis información premer o seguinte enlace:

O concepto do termo "rural" debe cambiar

Seguro que todos recordamos as últimas polémicas de Rosa Díez ou J. M. Aznar cando empregaron o termo "galego" en sentido despectivo, facendo referencia á definición que aparece no diccionario da RAE. Pois algo parecido esta a ocorrer co termo "rural", que no citado diccionario aparece con connotacións negativas. 
Sempre se di que para que o desenvolvemento rural sexa exitoso o primeiro que hai que cambiar é a concepción negativa que se ten destas áreas. Quizais o primeiro paso sexa modificar a definición formal, por iso Facebook se converteu no punto de encontro daqueles que cren que a Real Academia da Lingua Española debería cambiar a definición do termo "rural" que aparece no seu diccionario, que se refire a este vocablo como "pertencente ou relativo ao campo e a os seus labores; inculto, tosco, apegado a cousas lugareñas".
As súas peticións para o cambio desta definición poden lerse dende fai unha semana no grupo "Por la dignificación del término 'rural' en el diccionario de la RAE", un espazo creado pola Red Española de Desarrollo Rural (REDR) que forma parte dunha ampla campaña para que se modifique o texto.
Enlace: